Tuesday 14 de May de 2024

Paderne abre as súas novas redes sociais para fomentar a transparencia e a comunicación no día a día do Concello


 O novo executivo local pretende achegar máis a realidade municipal aos veciños e veciñas

 Aposta por estar presente de maneira activa en Facebook, Twitter e Instagram como un dos mecanismos para logralo

O Concello de Paderne puxo en marcha nas últimas horas os seus novos perfís de redes sociais en Facebook, Twitter e Instagram. Trátase de tres contas creadas de cero coas que pretende dar un paso máis no seu obxectivo de fomentar a transparencia e a comunicación no día a día municipal.
“Trátase de abrir as portas. A veciñanza debe ver non Concello unha institución que a escoite, que tome nota, que se comunique con ela e que a represente do mellor xeito posible”, apunta o alcalde, Sergio Pratas.

A aposta do novo rexedor e do seu equipo de goberno pasa, por tanto, por establecer unha canle de comunicación cos veciños e veciñas. Todo co obxectivo de achegarlles da mellor forma posible o día a día de Paderne.

As contas poden ser atopadas en facebook.com/concellopaderne e twitter.com/ConcelloPaderne (@ConcelloPaderne). Ambas teñen xa as súas primeiras publicacións, ao contrario que un perfil de Instagram que se poñerá en marcha nuns días. O contido de todas elas estará marcado por informacións de todo tipo relacionadas co municipio ou que poidan interesar aos seus residentes e completen á páxina web do Concello.